miércoles, 11 de febrero de 2015

  
FIRST LEGO LEAGUE EN GALICIA!!


O Campus de Esteiro (Ferrol) acollerá o 28 de febreiro a First LEGO League edición galega. O evento vén da man da Universidade da Coruña e forma parte dun programa internacional que promove a ciencia e as tecnoloxías entre as novas xeracións (idades comprendidas entre os 6 e os 16 anos) a través dunha serie de competicións e actividades por equipos. Segundo avanza a UDC, estamos ante unha oportunidade ben axeitada para participarmos “no meirande desafío internacional da robótica educativa”. Para a organización, a maiores, trátase dunha ocasión idónea para motivar aos alumnos con cuestións científicas e tecnoloxías e coas habilidades e as competencias do século XXI, cousas como resolución de problemas, comunicación ou traballo en equipo. 

  Na First LEGO League, as rapazas e rapaces de 10 a 16 anos participan resolvendo un desafío cunha temática do mundo real. O traballo consiste en programar un robot autónomo (tirando proveito do set LEGO Mindstorms) para engadir puntos nunha superficie de xogo temática e creando unha solución innovadora para un problema proposto como parte do seu proxecto. En definitiva, primeiro realizarán un proxecto científico, logo darán forma a un robot e finalmente compartirán todo o que aprenderon. 







  Pola súa banda, os nenos de 6 a 9 anos concorren na modalidade Junior da liga, un programa práctico deseñado para captar a curiosidade dos participantes e dirixila cara ao achado das posibilidades de mellorar o mundo que nos rodea. En termos máis concretos, os nenos terán que construír unha maqueta con pezas de LEGO e logo realizar un póster ilustrativo da súa experiencia.






  Segundo engade a Universidade da Coruña, nestas actividades teñen concorrido xa uns 285.000 estudantes de máis de 80 países, aplicando conceptos tecnolóxicos do mundo real, investigando os desafíos científicos do presente, desenvolvendo habilidades de traballo en equipo e, en definitiva, “aprendendo aos propios profesores o que precisan aprender e de que maneira queren aprendelo”.


  Nesta fase os equipos proceden dos IES Ortigueira, Ricardo Carballo Calero, Concepción Arenal, Ferrol Vello e As Telleiras de Narón, así como dos CPI Atios de Valdoviño, A Xunqueira de San Valentín e o de San Sadurniño –este último, como xa se informou, conta ademais co patrocinio do seu Concello–.
Xunto a eles, completarán a relación de participantes as formacións do Colexio de Fomento Montecastelo, de Vigo; o Colexio Guillelme Brown (Pereiro de Aguiar, Ourense), que tomará parte na cita con tres equipos en Lego Mindstorms e 7 equipos en Lego We Do; o Colexio Internacional Eirís (A Coruña); e o IES Universidad Laboral de Gijón.

No hay comentarios:

Publicar un comentario